Vaia, pois xa van tres anos. Non está nada mal. Dende novembro de 2005 Ribarravia ven parindo insensateces cunha alegría que non ten moita explicación. Salvo dúas pequenas paradas técnicas orixinadas polo desalento creativo, sigo obstinado na infroitosa misión de entreterme coas miñas propias tonterías e proporllas a algúns veciños do Ribeiro para que pasen o tempo. Ribarravia non persigue o lucro económico ou a "sintonía" política, non aspira a resultados artísticos ou literarios, non busca nin conciliarse con xente afín (se é que existe) nin aleccionar aos que pensan distinto. Realmente, esta Web guíase por unha única idea rectora: a inutilidade. E aínda máis agora, que se converteu nun capricho individual. Pero que lle vou facer se me gusta esta falta de obxectivos, este estraño pasatempo de irritar aos catro impresentables de turno? E se para mais me podo consolar con que me escoiten algúns paisáns tan indignados coma min, pois tanto mellor. Isto último dígoo con reservas, porque os lectores seguen manténdose tan ocultos e pouco interactivos como sempre, mentres os enimigos medran nas miñas estatísticas persoais de xeito imparable... Por desgraza tamén o meu cansanzo aumenta, pero non podo evitalo: Ribarravia segue a pedirme campo. Como calquera pode aprezar, eu non son de estar calado. Por iso, mentres esta Comarca siga sendo un desastre Ribarravia terá motivos para manterse en pé e eu para dicir o que me apeteza. Haberá a quen non lle faga nin pisca de gracia. Pero a min si que ma fai. O único que podo alegar na miña defensa é que se a alguén non lle gusta pode prescindir de lerme sen perder nada. Así todos sairemos gañando. E a quen lle guste, quero dicirlle que benvido e que moitas grazas por visitarme. |
|||||||
![]() |
|||||||