ARQUIVO (2ª ÉPOCA)- (contidos especiais)

segue...>> A / B / C / D / E/ F / G / H / I/ J / K / L / M

>> ARQUIVO 1ª ÉPOCA >> PÁXINA ACTUAL

GRECIA 2007: ENTRE DEUSES E FUMES

 

>> Velaiquí tendes a Afrodita paseando por Atenas. É o ano 2007, pero a lozana deusa camiña facendo gala dun inesgotable erotismo por entre os postos cutres da rúa. Os atenienses, afeitos á grandeza dos mitos, non se asombran de vela deambular cun móvil na man mentres concerta unha quedada extraolímpica con calquera heroe humano que estea disposto a recoñecerlle a súa indiscutible fermosura.

Por suposto, non vou ser eu quen me opoña ao moi controvertido xuízo de Paris, aquel guerreiro troiano que tivo o acerto de elixila como a máis guapa entre as máis guapas nun pasado moi remoto, naquel escuro portal dos tempos onde deuses caprichosos e homes imaxinativos daban corpo a un inabarcable conxunto de mentiras míticas, razoamentos deslumbrantes, batallas heroicas e principios morais que suporían o máis marabilloso e influínte legado intelectual de Occidente.

>> Atenas é desordeada, fea, abigarrada, enorme carismática, segura... repito: fea, chea de xente correcta que berra sen estar enfadada; incriblemente habitable pese ao caos xeralizado... ¿Xa dixen que é fea?

Alí o sol do verán é terrible pero os deuses, que apretan pero non afogan, regaláronlles unhas milagrosas sombras que converten en soportables as altísimas temperaturas nas ruelas. Con estas cousas soltas quero dicir que Atenas ten carisma e personalidade, pero cómpre buscalo con moito xeito entre as rúas atestadas de coches e inundadas dunha luz apabullantemente limpa...

Por dar algúns apuntes máis, direi que os aires acondicionados gotean na cabeza dos viandantes, hai suciedade abonda, os conductores consideran normal zigzaguear a 90 km hora entre os peóns ao límite do atropelo; miles de motos pasan por onde lles sae do carallo; a xente pasea con cara moi seria e hai numerosos homes con bigote turco que parecen dispostos a partirche os morros se insistes en preguntarlle o horario dun autobús.

Pero tamén hai que dicir que só se trata da primeira impresión. Con pouco tempo un dase de conta de que non é en absoluto unha cidade violenta; e que incluso resulta bastante cómoda... Por exemplo, os taxis son abundantísimos e baratos, a comida inmellorable, as tendas moi variadas e, sobre todo, as referencias culturais son, para un occidental, practicamente infinitas. En suma, que para min a estancia foi tan fatigosa como chea de agradables estímulos.

Respecto aos atenienses (e quizais todos os gregos), puidemos comprobar que son moi relixiosos, que se amosan inflexibeis cos inmigrantes, que resultan uns auténticos fascistas cos países veciños e -isto é unha aprezazón persoal- que non son nin remotamente simpáticos, vamos, que son uns caras de cú que non teñen nin puta gracia. O seu sentido do humor é case inexistente, e iso non resulta fácil de levar para un galego...

Ademais hai cousas peculiares que chaman a atención do viaxeiro: por exemplo os animais son moi respectados e andan a ducias soltos polo medio de Atenas. Esta cadeliña que vedes, durme á sombra dunha estación do metro sen que ninguén a moleste... Morrerá de vella co pelo lustroso de comer ben.

Os comerciantes son xente moi seria e sanos negociadores, e o xeral dos cidadáns, observan un nivel de civismo máis que aceptable. Tendo iso en conta, resulta chocante de que xeito tan profundísimo odian aos turcos... Pero cousas coma esa, por sorte, non repercuten nos turistas. Dou fe de que alí queren ben aos visitantes; iso sí, como son eles: sen mariconadas.

Do pasado recente apreciable en Atenas, pouco hai que dicir. Os turcos foron expulsados no século XIX das terras dos gregos e estes reinventaron un país coa axuda das interesadas nacións europeas. De todos os símbolos históricos que poderían representar o riquísimo pasado de Hellas, elixiron para adornar a súa sosa bandeira unha cruz branca que agradece eternamente aos países europeos o seu recén recuperado imperialismo heleno.

Hai símbolos, tamén, en cada unha das partes do ridículo atuendo destes gardas do Parlamento, que agradecen a constitución do moderno estado de Grecia amosando uns pasos de connotacións nórdicas pero de marcialidade e de virilidade comparabeis aos dunha galiña choca...

Pero falar da antiga Grecia resúltame moito, pero que moito máis apaixoante...

>>>>>>

 

>> Comecemos como se debe: falemos das orixes. Se iso facemos, debemos comezar pola pacífica, hedonista e positiva cultura minoica. As manifestacións desta civilización orixinaria da illa de CRETA, acadan un nivel estético dunha graza inigualable. Unha boa mostra é a deste fresco, que está no Museo de Atenas e foi atopado na illa de Thera (Santorini).

Contemplando os restos do Pazo de Cnossos a cultura minoica revélase como un conxunto de logros técnicos, sociais e artísticos demasiado bonitos para ser verdade no mencer da nosa civilización.

Cnossos, o labirinto, unha impoñente e avanzadísima construcción de 20.000 m2, con auga corrente, desaugues e primitivos sistemas antiterremoto, foi un soño de sofisticación e desenvolvemento seguramente demasiado adiantado para a ruda natureza dos homes antigos.

Aínda faltaban 5.000 anos para chegar a nós, e por desgraza esta opción de civilización harmónica e respectousa que descartaba a violenza foi rápidamente suprimida polos nosos voluntariosos antepasados; o triste é recoñecer que aínda hoxe estamos lonxe de acadar tan desexable modo de vida.

>> Este lugar ten moito máis que ver connosco. Trátase, segundo din, da primeira avenida europea. Está en MICENAS, unha antiga cidade-estado que cheira a reis severísimos, a suor de cabalos e a espadas manchadas de sangue fresca.

Estar baixo o sol dos restos deste pioneiro poboado, rodeado de áridas montañas e pedras ciclópeas é unha sensación que só acerto a definir como altamente enerxética.

Neste secarral silenzoso, entre cabras, chicharras e homicidios, ensalzouse por primeira vez a dignidade guerreira, aceptouse como unha prestixiosa actividade esquilmar outros seres humanos, someteuse á muller para gañar poder dinástico e comezouse timidamente o moi lucrativo uso dos escravos. Terra, poder, forza, vergoña polo "que dirán"... ¿Sóavos? Claro que si: así foron as nosas duras orixes; así somos nós dalgún xeito.

Tal como di Javier Reverte (El Corazón de Ulises), poida que todavía sigamos mirando o mundo baixo o poderoso influxo destas magníficas figuras de leóns rampantes...

>> Relazonado co anterior, en toda a viaxe, chea de referencias épicas, de prestixiosas estirpes e de enormísimos avances culturais, pensei moito nos soldados. A inicial economía de rapiña e a conservación duns rudimentarios estados baseados na forza, dependeu totalmente dos guerreiros; sen embargo, poucos lamentos dos que tanto sufriron chegaron ata nós...

Conmoveume esta ridícula lata que protexeu hai moito tempo a cabeza dunha persoa nacida para padecer; este sinistro casco acubillou unha mentalidade de ideas firmes, pero tamén o medo, a ira e todo un primitivo conglomerado ideolóxico que transformaba a un aldeano nun home capaz de asumir a violenza e a dor como algo inevitable...

Consólame saber que o sentido da honra e o profundo orgullo dos líderes gregos non foi pura palabrería, senón que se trataba firmes conviccións. Sábese que moitos dos xefes arriscaban a vida cos seus soldados, un sanísimo costume que de ningún xeito podería ter vixencia nestes tempos descastados nos que os líderes son uns simples falabaratos cínicos e sen dignidade ningunha.

>> A antiga hélade, dispón dun atractivo e tumultuoso historial de homes imaxinativos e intelixentes, de heroes atormentados polo destino, de navegantes de insaciable curiosidade, e tamén de deuses cabreadizos, arbitrarios e pasionais demasiado parecidos aos homes...

Cabe dicir, ademais, que os gregos estableceron, xa ben cedo, prioridades e criterios para enfrontarse á zozobra dunha vida tremendamente difícil. Aínda non hai explicazón ao feito de que non se conformasen simplemente con sobrevivir e buscasen a esencia dos homes e das cousas usando a ferramenta da razón ata o límite das súas posibilidades. Xa na súa dureza ideolóxica inicial o tiñan claro, por iso puxeron como meta uns principios cos que rexerse na vida. Delimitaron que o destino dun home ten que ser a procura de algo superior: dignidade, honorabilidade, beleza... Ese fundamento vital durou ata máis aló da marabillosa eclosión do século de Pericles e resultou irrenunciable para eles en todo momento.

Como exemplo, en DELFOS puiden ver estes soberbios kurós, dous atletas de corpos perfectos e comportamento irreprochable, que foron ensalzados por acadar unha meta ideal grazas a unha acción heroica máis aló do egoísmo; uns corpos harmónicos son neste caso a mellor representación da desexable perfección moral. Sorprende comprobar como estas inmensas e acabadas moles desprenden unha especie de bondade grandiosa, un contaxioso optimismo ás persoas que as observamos dende un mundo totalmente diferente centos e centos de anos despois.

Repito que o que fai difícil e fascinante esta cultura é a incansable tendencia a buscar a esencia das cousas practicamente a cegas, e todo a base dunha vontade que usa a beleza como medio de transporte.

>> Esta é a miña foto favorita. Obtívose no máis apabullante enclave: DELFOS, Un santuario no que ata os máis escépticos materialistas poden quedar sen respiración.

Se vos fixades ben, os deuses aínda parecen axexar receosos detrás das nubes, como entón os imaxinaban, vixiando os comportamentos dos seres humanos. O gregos tíñanos sempre presentes e lles ofrecían as súas mellores obras. Foi unha auténtica sorte que non soubesen que os seres superiores non existen, porque a súa concepción do mundo levounos a erixirlles magníficas mensaxes guiados por unha exquisita sensibilidade artistica que lles permitiu alcanzar as máis deslumbrantes formas. A beleza destas ofrendas durou máis, moito máis ca os propios deuses que pretendían agasallar...

>> OLIMPIA. A foto é unha pose macarrita de quen esto escribe na liña de saída do Estadio, pero o día tampouco estaba para facer o paiaso e exercitar as inquetudes históricas cunha abafante carreiriña... Por iso quedei aí, quietiño coma un lagarto, para lembrar como os sempre repugnantes norteamericanos lle roubaron as olimpiadas aos gregos no ano 1996, ano que correspondía ao centeario da restauración de tan magnífico evento. Souben na viaxe que no 2004, uns gregos feridos no seu amor propio, aceptaron finalmente organizalas e estableceron algunhas probas neste mesmo Estadio. Alí competiron deportistas como o fixeran no 776 a.C., e foi tal o influxo do lugar, a impresión dun entorno histórico tan pragado de connotacións, que os suxestionados atletas... rexistraron as peores marcas en moito tempo. A cultura grega é proteica e carismática; quen lles pode reprochar aos deportistas terse sentido intimidados... Por certo, eu non estiven mal no medio daquel calor próximo aos 40 graos; aclaro que a miña mellor especialidade é o Salto Térmico e aviso a quen queira retarme que nese campo son imbatible...

>> Este lugar chámase METEORA. Aínda hai mosteiros ortodoxos nas súas cimas facendo incribles equilibros coas moles de pedra que parecen caídas do ceo.

A igrexa ortodoxa gústame o mesmo ca católica por iso non vou comentar nada máis. Como non se me ocorre outra cousa, só vou insistir en que a seca paisaxe grega, escarpada e pragada de olivos, iluminada polo ceo máis saturado e fermoso que lembro, resultou un magnífico escenario que explicaba moitos dos inspirados comportamentos de homes e deuses.

>> Pero tamén cómpre dicir algo básico: a paisaxe grega, moi seca na terra, vive sen perder nunca de vista o horizonte marino. Sobre todo o do Egeo, arredor do cal vivían coma rás nunha charca os antigos habitantes. Este mar é unha construcciòn mental moito máis atractiva que o Jónico (sen esquecer que a beleza dalgunhas das illas jónicas, como Corfú, non me pareceu nada desprezable), e nunca, en todo o percorrido se perde de vista algunha numerosísimas illas, circunstancia que seguramente alentou a mistura de persoas, o fluxo de ideas e a infinita inventiva dos gregos. Esta vista da foto é dende SANTORINI, un lugar que nin invadido de miles de turistas perde o seu enorme atractivo.

>> Isto xa é en ÉFESO (Turquía). Á beira do Templo de Artemisa, (unha marabilla perdida para sempre) está a cidade mellor conservada da antigüidade. Este magnífico teatro para 24.000 espectadores deixa testemuño do que digo.

 

Pero o premio á beleza lévao sen dúbida a Biblioteca...

Non obstante, hai algo que destacar sobre Éfeso: a enorme desgraza de que todos estes restos estean ubicados na actual Turquía.

Non se trata de prexuízos raciais, de ningún xeito. Con isto quero constatar que xamais na miña vida contemplara unha restauración máis aberrante, caótica e pouco respectuosa. Produce escalofríos ver, por exemplo, esta imaxe de abaixo. Se non lembro mal, acollía unha estatua dun emperador romano, e se vos fixades, no pedestal hai un pe enorme, é dicir, que o frontón debería estar como 3 metros máis alto, pero ademais,os turcos, facendo un insultante alarde de neglixencia e desinterese arqueolóxico metéronlle nalgúns puntos trozos de hormigón... ¿Será que pretendían así "recuperar" a forma orixinal de tan importante resto?

É indiscutible que os europeos tamén caemos moitísimas veces neses desprezos coas outras antigas culturas instaladas nos nosos territorios, pero o que non se entende é como a día de hoxe poden permitir algo así. Por non coidar, non tiñan nin un vixiante nos 2 Km dos restos históricos máis concentrados e abundantes de todo o mundo antigo.

>> Atenas volveunos resucitar do cansanzo do final da viaxe, grazas ao seu poderosísimo influxo.

A Acrópolis, un luminoso conxunto cheo de forza e profundo equilibrio, simboliza a cima artística, cultural e social dos inicios de Europa, pero ademais consegue manter, séculos despois, todo o seu entorno inmerso nun tempo eterno de fascinante beleza que non cansa xamais.

Cando os atenienses, despertos e seguros de si, pasean pola súa cidade, non só son perfectamente conscientes de que están a pisar onde pisaron Sócrates e Pericles; tamén saben que parte do que son, do que todos somos, o crearon da nada os seus antepasados a base de risco, de imaxinación, de sufrimento e dunha insaciable cobiza por entender o mundo. Non foron os deuses quen crearon aqueles homes, senón ao contrario. E de paso, creáronse a eles mesmos introducindo conceptos e coñecementos que nos farían voar pola historia sen abandonarnos ata o día de hoxe.

Eu enorgullézome da minúscula parte da herdanza que me toca deste portentoso legado que xurdiu en Grecia; e xa que carezo da coraxe de Aquiles e da capacidade poética da inspiradísima Safo, confórmome, a modo de galaico rapsoda sen pisca de talento, con deixar este insignificante testemuño de tanta marabilla.

 

 

--- DIRECTORIO

>> PORTADA >> ARQUIVO >> FORO >> CORREO >>

 

http://www.espacioblog.com/avia (CAMPAÑA INFORMATIVA SOBRE O VERTEDOIRO DE CARBALLEDA)

FOLLETO 10 RAZÓNS PARA NON TRAGAR >>>

 

http://www.emerxenciasribadavia.es