Pedefoto

PÁXINAS: PRINCIPAL >> FORO >>>

 

PEDEFOTO 1

PEDEFOTO 2

PEDEFOTO 3

 

 

  g

 

>> A lírica do abandono <<

Esta lírica exhibe Alberto García-Álix, fotógrafo, ex-drogadicto, ex-defunto, e tamén ex-metafísico, mediante o seu traballo retrospectivo titulado "No me sigas...". Tiven ocasión de asistir hai pouco a esta marabillosa recopilación dun artista instintivo e profundo que andivo de paseo polo inferno, ataviado cunha chupa de coiro e posto ata as cellas de drogas que eu nin sei pronunciar.

As fotos, de entre finais dos 70 e principios dos 80, foron sacadas dende o fondo dun pozo onde se atopaba este home novo, un rapaz que viviu ao límite pero tamén tivo o talento de deixar constancia da tola indagación na que case se lle vai a vida. Esas dúas circunstancias, a xunventude e a experiencia extrema, outórganlle á súa obra unha autenticidade de conxunto tal que, polo menos a min, conseguíu sumerxirme nunha tremenda nostalxia.

Non minto se digo que durante toda a exposición non puiden evitar que os personaxes me invadisen, me inspirasen unha gran compaixón, me resultasen conmovedores; resultoume imposible non sentir algo ao ver eses rostos novos e esbrancuxados confundidos e desafiantes, esas roupas chamativas e ese pousar lánguido fronte a unha cámara. Imposible non ver en todos eles uns olliños tristes, que buscan desesperados un mundo que nunca existiu...

Non só foi sensación miña; segundo deducín dos demais asistentes, a poderosa estética utilizada por este brilante fotógrafo consegue implicar con éxito a quen a observa. E neste traballo, en concreto, aínda máis, porque a ninguén se lle pode escapar a crueza dignísima que amosan as súas imaxes de pensións cutres, de corpos esbeltos de mozos drogadictos, de mociñas preñadas cos cabelos revoltos, de tipos que só sabían respirar pola noite e das ruelas con lixo por todos os recunchos... Estes testemuños convértense, sen dificultade ningunha, nun estremecedor e fidelísimo reflexo dunha parte importante da súa xeneración, que é o mesmo que dicir, o resume visual dunha entregada inconsciencia, dun penoso e estimulante desequilibrio, dunha lírica do abandono...

Non hai conclusións, nin mensaxes aleccionadoras; a análise social non explica todo, non serve para entender. Quizais os rapaces estaban a saír do franquismo con fame atrasada; poida que nun país gris viran brilar ao lonxe faíscas de mitos estimulantes, músicas que mareaban de pracer, desinhibicións que conferían plenitude vital; ou poida que buscasen unha saída aos imaxinativos desafíos que eles inventaban para sí, impulsados unicamente pola lexítima vontade de sentir a forza dos propios pasos na terra. Pero o resultado foi que, famentos como estaban de vida, espantados dun mundo ríxido onde aínda non tiñan acomodo, saciáronse ata a náusea de sensacións sen contido, e finalmente foron atrapados por un tentador instinto de aniquilarse no exceso. Hónraos o feito de que a maior parte deles tiveron a decencia de conseguilo.

Porque caeron case todos. Case todos estes personaxes melancólicos, guapos, macarras e inocentes foron os valentes pioneiros, os soldados zapadores que exploraron os inicios dun mundo feliz que non era tal, e acabaron fulminados sen encanto ningún, tirados en vivendas en ruinas, deitados con rapazas bonitas e desarranxadas, vivindo amores de futuro imposible... Nese triste frenesí pasaron a mellor vida, sen pedir permiso, e sen que case ninguén se dese de conta...

O resto dos cidadáns, prácticos e mediocres, non interpretaron nunca ese suicidio colectivo coa dignidade, coa profundidade que merecía. Por iso alégrame agora que dese fenómeno triste, orixinado na inquietude, na xenerosidade e nos excesos, dea cumprida conta un artista que soubo describir con tenrura, desinhibición e talento un mundo intenso e arriscado, contradictorio e humanísimo que resultou aniquilado polos propios protagonistas, pero que formou parte de todos nós, para ben e para mal.

Por esta vez tendes que perdoarme que non use fotos propias para o Pedefoto. Decidín aproveitarme da fascinante estética destas de García-Álix para expor un sentimento seguramente común a todos nós.

 
l