Pedefoto

PÁXINAS: PRINCIPAL >> FORO >>>

 

PEDEFOTO 1

PEDEFOTO 2

PEDEFOTO 3

 

 

  g

 

> CRÓNICA RINÍTICA <

Máis que crónica é unha caricaturesca descripción que o autor lle remitiu a un amigo para contarlle catro anécdotas da súa viaxe a Italia. Non resulta obxectiva, nin fiable; por exemplo, carga as tintas nos altos prezos e no barullo urbano, e quizais desatende un pouco a inequívoca beleza do País. Non obstante, parece que a rinite que sufriu o viaxeiro confírelle ao texto certa acritude inofensiva, certa ironía, e contén parte da súa visión das cousas, unha visión que ben podería ser a de calquera viaxeiro.

CAPÍTULO I

Roma, citá aperta ... ao tráfico

Esperaba atopar en Roma, o noso primeiro destino, algún rastro desa cidade canalla, desordeada e felliniana que nos transmite o cine; alomenos algunha mostra residual deses tipos baixiños, ceñudos, simpaticamente xesticulantes e ataviados con camisetas de asas pringadas de salsa de spaguetti. Pois bien: no houbo tal. Esta imaxe de arriba é absolutamente insólita e infrecuente; obtívose no Mercado das Flores de pura casualidade. En xeral encontrámonos nun ambiente algo frío e demasiado europeo, aínda que con matices.

Os romanos resultaron ser uns alemáns estilizados e morenos de solarium, con sempiternas gafas de sol e chulería de marca. Seguramente sexan como todos os países de Europa, un matiz dos fríos e eficientes alemáns. Nós, como variantes norteñas dos africanos, puidemos comprobar que os italianos non están xa no noso grupo... Non obstante, de ordeados, os italianos, nasti de plasti. A cidade ofreceunos motos por todos os recunchos imaxinabeis, coches que consideran insectos desprezables aos peóns, sinais viarias borradas e moito, moito, pero que MOITO ruído. Tanto que non puiden escoitar a gusto os ecos que presuntamente emanan dos marabillosos restos históricos…

Tamén foi curioso o aspecto aparentemente descoidado das fachadas (cheguei a sospeitar que a súa suciedade simétrica e regular, realmente é pintada...). O malo é que baixo esas edificacións entre gualtrapas, encantadoras e vitais, están os herdeiros dos Médici sacando pasta aos garruliños que de todo o mundo veñen a empaparse de encanto e cheiro a Imperio Romano. Véxase a tenda fashion oculta tras una cotrosa entrada:

Respecto ao tráfico, de verdade que non esaxero: os múltiples monumentos pasan ABSOLUTAMENTE DESAPERCIBIDOS no medio da insufrible aberración romana caracterizada eufemisticamente como “o complicado tráfico urbano de Roma”. Como corolario de tanto desprezo ao ambiente cidadán e á cultura, están os innumerabeis coches de policía (moitísimos) que por defecto levan sempre a sirena posta e dentro dos que van uns tíos con uniforme de alabarderiños posmodernos con cara de mala hostia. Pódesme crer ou non, pero cos seus ademáns de funcionarios do FBI hiperdinámicos-de-la-muerte xuro que pasan todo o puñetero día nunha desaforada busca e control de non se sabe que perigos. ¿A función real? Non sei, dar ambiente cosmopolita a esta desquiciada cidade de fantasmóns... Supoño.

Pero claro, teñen isto da foto (os pedroulos de atrás, aclaro). E se teñen isto poden cobrar o imposto revolucionario que lles saia directamente dos collóns...

Antes de seguir dou saída a algunhas das miñas máis desagradables conclusións ao primeiro jolpe:

a) Os italianos non parecen especialmente simpáticos. Os románs, en concreto, exhiben a corrección estrictamente necesaria para parecer distantes; resulta incrible que no seu recente tránsito de pobres espaguetis a avantaxados comerciantes europeos se teñan mimetizado tan ben coa altivez dos novos ricos; b) Son mercaderes cobizosos que negocian ata coas gañas de mexar e, aínda para máis, fano como cabreados, como concedéndonos un grande favor aos molestos turistas. Exemplo moi particular desta actitude é a dos odiosos traballadores subalternos dos monumentos (vixiantes, taquilleiros...) que con ademáns de xeneraliños chusqueiros pretenden quitarse os seus complexos ( sera que todos os demais cidadáns están forrados, excepto eles...?) machacando aos visitantes con malas contestacións e decisións tan inflexibeis como irrelevantes. Deséxolles dende eiquí unhas cagaleras líquido-salmonelosas para eles e para todos os seus putos descendentes, e que lles dure ata que o reloxio do tempo se volva poñer a cero nunha eventual repetición do Big Bang .

Vaia, creo que acabo de desafogar en exceso... A verdade é que Roma resulta esteticamente apabullante, a xente no tropeza contigo pola rúa (como na macarra cidade de Madrid), as mulleres son moi elegantes, e as bocinas dos coches, sorprendentemente, no se escoitan cando se cabrean; vamos, por dicir algo…. Agora, os tíos son todos uns chuliños con cinco extremidades: una delas, a máis útil, é o teléfono móvil que lles crece como unha tumefacción de deseño nas súas churrascadas orellas (aparato que non soltan no coche: o 50% dos conductores levan un móvil na man).

Aclaro que o mostreo de románs foi deficiente, porque entre os milleiros e millleiros de turistas ianquees que van imitar a Gregory Peck e a Audrey Hepburn, e a confirmar que eles son os claros herdeiros da forte, atractiva e fascista mentalidade do Imperio Romano, non había moitos nativos... Tamén dificultaban a detección de autóctonos os centos de xaponeses e chineses que deambulaban como fantasmas silenzosos e inexpresivos sen enterarse das marabillas que presuntamente estaban a ver, pero que fotografaban metódica e concienzudamente. Non se pode esquecer aos abundantes alemáns, moi fáciles de detectar. Aproveito para dache un truco que os diferencia: se estás nun restaurante e ao cabo duns minutos non escoitas nada na mesa da túa beira; se non cheira nin a suor nin a perfume; se de cando en vez distingues unha expresión indescifrable que se atornilla perfectamente a unha contestación monosílabica; se che embarga a incómoda sensación de que alguén xace morto ao teu lado ... efectivamente: trátase dunha parella de turistas alemáns desfrutando da cultura clásica.

Ben. Outro aspecto negativísimo de Roma: o seu recalcitrante e anacrónico catolicismo. Nas igrexas había moita xente rezando; apreciábase como unha contención forzada, un pudor estético imposto en todo o relacionado coa relixión. Como contraste, San Pedro e o Vaticano supón unha OBSCENA E INADMISIBLE ostentación. Este conxunto supón a máis pura mostra de cobiza institucional, de exhibicionismo impúdico do poder católico. Ouro, traballadas esculturas, frescos dos mellores artistas, mármoles magníficos (roubados dos templos e construccións do Imperio Romano) para amosar a toda a Orbe que institución ten a polla máis grande. Sen embargo, puiden presenzar escandalizado como para “preservar a decencia” obrigaban a taparse a unha muller de 60 anos que cunha discreta camiseta de sisas e morta de calor se dispuña a entrar nunha das estancias do monumento. Que noxo, que praga terrible, canto dano fixo esta poderosa institución ao longo dos séculos…

Non obstante o dito, Marx tería interpretado -correctamente- que esta actual disposición de protección esaxerada coa relixión seguramente teña que ver un pouquiño/bastante cos cartos... A infraestructura do poder católico move moito forrello e os románs, por tradición, son os cualificados estanqueiros que expenden tan lucrativa droga ideolóxica. En fin, que nunca tiña visto tantos curas con aires de autoridade e tantos turistas adoceados como no Vaticano. Por certo, o Vaticano non ten metro. É que os corredores sempre están así de xente...

Capítulo II

Máis alá de Roma. Sobre pedroulos intermedios e pizzerías.

Non fago xustiza á viaxe poñendo esta foto dun Neptuniño absolutamente “loca” con tridente e pose de deseño. Un pouco acertado Juan Bologna (¿) quixo reproducir unha viril personaxe mitolóxica cometendo un tremendo erro de cálculo que -ao parecer- so eu apreciei... Porque ¿É OU NON É ULTRAMARICONA? A foto sacouse en Bolonia, unha apática e desanxelada cidade universitaria onde se come mellor que se vive. Este “inciso” sobre a estética ven a conto para dar saída a unha reflexión que xurdíu do meu epigastrio tras un “empacho” cultural sen precedentes. A cousa: non todo o antigo é arte, evidentemente. Mistura de docilidade cultural acomplexada e extrapolacións literarias fora de lugar, damos en pensar que todo no monte do pasado é ourego. Diso nada. A maioría dos “artistas” non eran uns iluminados prodixiosos, senón simples artesáns cualificados e pagados polos ricos ou pola Igrexa usando as súas estéticas a modo de eficientes campañas publicitarias; so algúns trascendían como auténticos artistas a pesar de todo. Por exemplo, Giotto na maravillosa Basílica de Asís da que por desgraza non puiden sacar ni unha foto interior. Pero moitas outras cousas resultan lamentables. Mostra diso pode ser, ademais do citado Neptuno-Zerolo, o monumento de Víctor Manuel en Roma (“el abuelu fue emperadooor”): o pastiche máis asqueroso, visitado e fotografado de toda Italia...

Non teño fotos da magnífica paisaxe italiana, digna de postal en cada un dos seus rincóns. Pero eles tampouco lle dan importancia ao verde; están ocupadísimos trincándolle a pasta aos visitantes no interior das pizzerías e non reparan moito nas árbores. En fin, que esta foto é máis ben unha metáfora. Trátase de Florencia, frente á Signoría . Véxase garruliño galaico disposto a sentir o carisma , a dignidade histórica que emana duns pedruscos lexendarios -outrora, simple exhibición e propaganda de poder-. ¿A que xa adiviñas a mecánica? Efectivamente: esa senseixon ten prezo. Concretamente, 16 euros por dúas cañas que nos zapateou na mesa unha mistura de Camareiro e Capitán de Navío con cara de cu. Viva, pois, a cultura que, por certo, xa só parece cousa de ricos… Pero ao que ía: á metáfora. O David (diminuta figura detrás da farola central), non é o auténtico, senón unha reproducción (o bo hai que ir velo á Academia -unha obra perfecta, prodixiosa, chea de desafíos-), pero aos turistas iso dáballes o mesmo. Con que o decorado aparente algo confusamente histórico-cultureta e quede ben no encuadre da Nikon, con que pareza cheo de antiguos aromas e ambiguas reminiscencias, confórmanse co cartonpedra. E pagan, que é o que importa.

Capítulo III

Personaxes Ilustres

 

Hóuboos, abofé que si. Mostra número un: esta estilizada e colorista figura corresponde á guía local en Rávena. Recoñezo que non tiven pelotas de sacarlle o retrato de cara. Xuro que disparaba un español chascante e rudimentario a unha velocidade de vértigo, co cal describiu brevísima e cabalmente a técnica e contidos dos marabillosos mosaicos dos séculos IV e V que se atopan nesa interesante localidade. Agora ben, tamén aseguro que un grupo de portugueses aos que nos unimos nesa visita intentou seguila a pe e infructuosamente polas ruelas empedradas, mentres ela, oronda e pizpireta circulaba montada comodamente na súa bici. Os avós portugueses ían quedando varados e sen folgos polas esquinas, o que en ningún momento importou a tan magnífica personaxe. Así mesmo, afirmo que mentres contemplabamos a tumba de Dante, catro veciños peninsulares deron media volta pasando absolutamente do monumento para limitarse fotografar e filmar a este fenómeno natural irrepetible e vestido de cadros, sobre cuia existencia no acababan de dar creto. No era para menos. Impresionante.

 

Velo? ¿Aprezas o seu sorriso de Xudas mesquino? Este fillo da gran puta vai disfrazado de gondoleiro auténtico. Pero non te confundas, é un empresario ávido de pasta co seu reloxio de ouro, as súas gafas de marca, o seu móvil de última xeneración e os seus dentes seguramente falsos. Borde e maleducado, só sorría polo pracer de ter trincado a seis gilipollas dispostos a pagar … euros por barba a cambio de pasearnos por unhas augas verdosiñas a menos de quince metros do Gran Canal. Non se molestou ni en disimular o timo e abreviou arbitrariamente o percorrido á metade. Así se lle obturen todas as súas veas co colesterol que conteñan as boas comidas que se dará á miña costa. Cabróns como este, a milleiros en Italia, por non dicir a maioría…

Ollo. Non quero cargar as tintas con ese País de mercaderes avarizosos. De feito, como contrapeso moral ante tanta cobiza itálica temos a culposa garrulería do turista medio encarnada, neste caso, polo prototipo de TURISTA GILIPOLLAS ESPAÑOL. Estamos en San Marcos, Venecia. A cidade, seguramente, más fotoxénica da Terra. Véxase ao verderoliño coa súa actitude de seguridade finxida do tipo “¡Oigausté, que los de mi pueblo semos viajaos, y yo nací con la curtura debajo'l brazo! ¡Amás, tengo una empresa de cameones!” Matizo a descripción: foi O ÚNICO turista de toda Italia que vin coa gorriña de gondoleiro posta. Completaban tan lamentable imaxe uns pantalociños curtos informais pero inverosimilmente pranchados, uns náuticos inexplicablemente sucios, unha pipa apagada, unhas gafas de sol de marca, as consabidas compras consistentes en bagatelas de cristal de Murano para “epatar” ás amizades cando volva, e un inevitable Lacoste co lagartiño na teta de babor, que diría o Cela. Para morrer de gusto, vamos. Polo demais, o seu camiñar balanceante e paifoco, a mirada levemente desafiante e sen objectivo fixo, non ten prezo; para todo o demais, Mastercard.

Pero, ollo, porque alí hóuboos peores, Puidemos comprobalo cando nun momento dado paralizounos o grito dun mozo na mesma Praza de San Marcos. Era un máis que previsible turista ianquee cun anel na man pedíndolle matrimonio a unha tamén típica americaniña britneyspears; esta levaba jafitas con tamaño de pantalla solar e o pelo lambido por unha becerra. Respondeulle ao tipo cun xesto de arrobo finxido e amosaba sen pudor a súa emoción en público (os ianquees fano todo para un público imaxinario). O lamentable do caso foi que os innúmeros compatriotas de tan palurda parelliña que por alí andaban aplaudiron, asubiaron y xalearon deportivamente a horterada con esas miradas do tipo “que vexan estes sosiños europeos o espontáneos e desinhibidos que somos e a nosa complicidade patriótico cocacolera alá onde nos atopemos”. Lamento dicir que a miña escasa estatura impediume saír na defensa do pundonor cultural da vella e discreta Europa e mazalos a hostias.

Resumo: Roma é impresionante, pero entre o ruído dos coches e o meu arrasador catarro-rinite (...) no me enterei de gran cousa. É unha pena porque agora que repaso as fotos estou francamente pasmado da súa beleza. Florencia ten cousas marabillosas e resulta moi transitable. Venecia, fotoxénica e bonita a matar, aínda que moi chea de turistas nalgunhas zonas destacadas. Sorprendeume Asís e encantoume o conxunto arquitectónico máis coñecido de Pisa. Cómese moi ben e cóbrase todavía mellor. (…) Como en todos os sitios bonitos, véxome obrigado a dicir o mesmo: canta beleza herdada por todas as esquinas, lástima que dentro deses lugares marabillosos habite a especie humana...

S.P.Q.R.

** Por razóns obvias, omítense referencias persoais e valoracións non publicables.

 

 
l