Pedefoto

PÁXINAS: PRINCIPAL >> FORO >>>

 

PEDEFOTO 1

PEDEFOTO 2

PEDEFOTO 3

 

 

  g

 

> MAXIA <

Foi maxia, xúroo. Naquela tardiña, en Montparnasse, non había vixiantes, nin nós dispuñamos do plano dos milleiros de pedras mortuorias e solemnes que constitúen o cemiterio. Case ao chou, buscamos. Non había ninguén a quen lle preguntar. Todo é unha rede de camiños estreitos e inacabables que acotan centos de tumbas difíciles de identificar. Pero eu necesitaba velo, facíame falta a súa presenza; agora, que estaba en París, quería estar cerca dese home que outrora me enchera a cabeza de dúbidas e de marabillosos indicios. É certo que adoceado polo paso dos anos eu perdera un pouco de ese estado mental de alerta, pero el aínda permanece comigo. Aínda está Rayuela, aínda están os seus contos que desconcertan e dan pracer; e tamén 62, modelo para armar, que falaba do que forma parte de nós e non sabemos ver...

Entón, ocorreu: xurdíu da nada unha señora de aspecto estraño que regaba unhas flores. Ninguén arredor, ninguén en toda a parte visible do recinto, que lembro dunha cor entre gris e amarela tibia. Pregunteille, case incrédulo: Silvuplé, Cortázar? Entón ela dixo: "¿Le poèt? ¿Le poèt brésilien?". Aclarei nun lamentable francés sen repoñerme da solpresa: "Non, le noveliste (sic), de l'agxentínnn (sic !!)" Como se o tivese preparado, sinalou ás nosas costas e sorríu: "Oui, oui, il est lá". Alí o estaba, a cinco metros, no medio dunha maraña de pedras fúnebres de diferentes cores; non o teriamos atopado en mil anos, pero a pintoresca muller deu en identificalo para nós inmediatamente entre tantísimos personaxes ilustres...

A tumba de Julio Cotázar ten bonequiños sorrintes na cabeceira no canto dunha cruz. Está soterrado con Carol Dunlop, a súa última e máis querida muller. Púxenme á beira deles pousando. Estaba cheo de emoción, pero non dixen nada amedrentado pola presenza do escritor, que seguramente sorría a miña espalda pensando que quizais non estaba todo perdido para ese cronopio atribulado e con acento galego que tremía aos seus pes. Por iso, seguramente por iso, conseguira influír dende o outro lado para que chegasemos ata el, para renovar maxicamente a súa vivificadora presenza. E conseguíuno. Canto me alegrou saber que segue vivo... en min.

 

>< ANOS LUZ ><

Cando saquei esta foto en Amsterdam, non sei por que me caeu na cachola unha imaxe pegadiña a unha idea. Vinme compartindo o luxo dunha simple gaseosa co meu avó ao saír da igrexa un domingo de verán. El apartaba a boina para deixar saír o suor e falabamos pouco. Lembro que non había nada sofisticado; tampouco a vida tiña por que ser necesariamente divertida... Así fomos educados todos os da miña idade, sen demasiados estímulos. Agora, de adulto, paseo pola capital holandesa e por un dos seus innumerables canais escóitase barullo e aparece isto. Unha friaxe de mil hostias, unha chuvia que contraía a pel dos escrotos e os lugareños, que son como alemáns bohemios, sorrindo condescendentes dende as rúas ao paso da manifestación gai que circulaba en barquiños. Cómpre ser moi home para aguantar ese frío cun teléfono móvil (¿ou é tabaco?) metido no calzón, pero máis aínda para admitir a vida como un espectáculo sen complexos, integrada e independente ao tempo. Hedonismo en estado puro, a pretensión dun desfrute vital permanente como algo lexítimo e desexable. Cando lembro ao avó coa súa roupiña triste, co seu comportamento sinxelo e coa súa vida dura, penso que a medida en anos luz non debería ser só referencia para astrónomos. É case incalculable o salto que se produce no tempo no transcurso dunha sola vida. Anos luz.

 

<> A CASA VELLA <>

Non sei certo se era a bici do avó ou a do meu pai. Se fose a do avó, lémbroo subir con ela a rúa do "Progreso" de Ribadavia . Debía ter, nese recordo que eu gardo, cincuenta e tantos anos. Era esbelto, ancho, calvo; a pucha levábaa ladeada con pinta de partisano nevado polo sulfato das viñas. Ademais de agricultor era canteiro. Non sabía ler, pero apañábase "representando" os textos nos panteóns: "Propiedad de la Familia Gómez. 1953" . Tal como llo indicaban nun papel os propietarios, chantábao el na pedra cunha tipografía cándida, tosca e peculiar. Estivo na guerra civil e faltábanlle dedos na man esquerda. Faltáballe tamén a deformación suficiente para crer nos principios dos nacionais , o que non impedíu que tivese que partir con eles a arriscar a vida cando o viñeron buscar un día, apelando a unha perentoria necesidade patriótica (a el debeu soarlle aquelo a chinés). Supoño que sufríu dun xeito para min inconcebible, o que me fixo velo durante moitísimo tempo baixo o a influenza dun respecto amedrentado. Esa presunta solemnidade propia dun home que empuñara un fusil, non acaba de encaixar con aquela imaxe calma, mentres subía tranquilo a costa soleada do Progreso, como se nada tan terrible tivese ocorrido xamais, totalmente absorbido pola tarefa de mercar na feira un feixe de bimbios para a rodriga... Hoxe eu percorro o mesmo camiño no meu coche de gasoil, con turbo e non sei cantas trapalladas máis. Non sei cantas cousas inútiles máis... Vaia, vaia, vaia.

Parecen obxectos ordeados para pintar un bodegón, pero realmente, foi improvisado. A nai xuntounos aí porque non tiña claro que facer con eles. Supoño que xa case decidira tiralos. O de restaurar resulta tan chic como pouco útil, e por iso están agardando destino... A min, nacido nos anos 60, conmóvenme, faime graza a súa concreción, a súa torpe estética; sobre todo a do lexibilísimo reloxio que amosa as horas cunha sinxeleza palmaria. O tema é que me conmove que a avoa fose, con estas latas, vender o leite á Vila, con todo ese peso na cima da cabeza, protexéndose cunha rolla envolta; e logo, os outros dous kilómetros de volta coa carga das compras... Para calcular esa distancia eu miro no marcador do meu vehículo; doutro xeito non tería noción. Pero digo que a min, de natural melancólico, dame cousa todo iso. En cambio, á miña nai non lle afecta de mesmo xeito. Demasiado recentes, quizais, eses obxectos na historia da súa xeneración. Debo deixar o esteticismo sentimental e amosar respeto. A nai ten razón: os trastos vellos, a pobreza, xa non pintan nada na casa. Déixaos ir...

Isto é UNHA PERA. Fóra de connotacións onanistas, a funcionalidade, a fisicidade do artiluxio, aínda non foi superada hoxe . Unha coma esta lémbroa eu cando neno, no meu dormitorio. A parte de abaixo ás veces desenroscábase polo uso, de xeito que podías chupar unha descárrega eléctrica de catro pares de pelotas Esa experiencia deu orixe ao medo cerval que aínda padezo coa corriente .

Pero esta é da casa dos avós, como xa teredes deducido. Supoño que pola noite, cheirando os corpos dos vellos ao fume da cociña de ferro, metíanse en silenzo nunha cama que tiña como soporte un colchón aboiado no centro. Como moito, antes de durmir, daban en comentar as malas intencións dalgún estremeiro da súa mellor leira, ou lle preguntaba un ao outro se deixara apagada a luz da adega. Logo, un deles clicaba na pera para que a noite invadise o dormitorio. Cando a soltaba, chocaba en seco contra a parede facendo clock e despois abaneábase lentamente de dereita e a esquerda, riss, rass, antes de quedar tan quietiña como eles. A durmir. Cada un cara á súa parede; ou se cadra non...

Se a representación virxinal do cadriño fose unha figura da antigüidade, diría que se trata dun período intermedio . Na miña historia persoal, en cambio, non é nin arcaico nin evolucionado; é medio antiga, medio moderna, e polo tanto resulta kisch, setenteiro e artificial. Tratábase do típico detalle moñas co que un fillo emigrado á cidade agasallaba aos pais cando nunha das súas visitas á casa de orixe non se lle ocorría outra cousa. O caso é que resulta unha figura demasiado estilizada, sensibleira e lambida. Parece unha adolescente anoréxica no canto dunha solemne virxe María; pero daquela non cabía a posibilidade de ironizar estéticamente cos simbolos relixiosos. E aí quedou durante anos.

Xa postos, gústame máis o crucifixo con Cristo de plástico que gardamos nun armario da nosa casa. Serio, sufrinte, metafísico... Como mérito destacado garda parte da nosa historia grabada no seu corpo. Os romanos chantáronlle os cravos; meu irmán e máis eu metémoslle dous golpes de destornillador nas rodillas (debéulle doer...); rachámosllas ao considerar que fora el quen nos delatara ao noso pai tras una trasnada aparentemente sen testemuñas. O Cristo dos cravos fóralle co conto... Vale, é certo que nós chupamos unha boa tunda, pero el aínda hoxe ten as rodillas rotas. Que se foda, ninguén lle mandou falar.

 

 
l