NOTICIAS | PE DE FOTO | ARQUIVO | FORO
 
·· SEN COMENTARIOS
 

 

···| Alpendres, orgullo inmobiliario

Por calquera recuncho do Ribeiro teredes visto estas construccións xeralmente humildes concebidas para gardar útiles de labranza e resgardarse da intemperie. Non cabe dúbida de que en Galiza as manifestacións son variopintas neste sector, pero penso que a particular idiosincrasia do Ribeiro tamén deixa rasto na súa arquitectura alpendreira, que resulta abondo simpática. Temos de todo, dende as que aspiran a semivivendas con equipamento completo ata artefactos reciclados do xeito máis sorprendente en parapetos agrícolas de emerxencia. Vexamos unhas mostras:

Eiquí vos presento un coquetón modelo para fins de semana ocasionais. O DINAMIC WEEKEND ben podería ser "implementado" cunha pequena silla de praia e ata cunha conexión á rede eléctrica para neverita e bombilla de 25 watios. Pensado para viticultores de certo poder adquisitivo que xa xogan a replantar viñas vellas con uva de caste. Vamos, para xente de nivel.

Nesta sólida versión, que eu chamaría HAPPY FARMER exclúese deliberadamente calquera pretensión de notoriedade, incidindo con sensatez e sentido do equilibrio nunha reforzada estructura de tendencia fogareña que evite sobresaltos en épocas invernais. A porta e a pequena fiestra cumpren sobradamente a súa función de dar saída ao fume dunha eventual e diminuta lareira, ademais de conferirlle ao conxunto un aire acolledor marcadamente tradicional.

Un xiro estético radical podemos atopalo no sempre sorprendente HIDDEN CAVERNA, nada recomendado para mentalidades exquisitas, pero de notable pegada entre viticultores con pouco tempo ou de costumes relaxadas. O inconveniente dos paquetes de funxicidas previsiblemente ciscados polo chan súplese cun exemplar aproveitamento nun espazo arquitectónico de vocación minimalista. Ideal para viñas de xerez atendidas ao escape.

Velaiquí o modelo MUDEJAR EXPERIENCE, que arrasou na última edición de ALPENDRALIA. A inesperada liña de ascendencia mourisca, complementada coa caprichosa disposición dunhas tellas autóctonas, fixo vibrar a centos de viticultores que aínda aspiran á pureza terrosa na que se desenvolveron os nosos ancestros. Especialmente recomendado para auxiliar o coidado de viñedos ecolóxicos ou para cagar dentro se nos pilla a apurada no medio dun tonificante paseo.

Non podía faltar nesta colección a controvertida aposta bautizada como SALUSTIANO'S DREAM, que tamén fixo correr ríos de tinta no mundo inmobiliario. Unha audaz liña modernista amparada por elementos metálicos alóctonos de tendencias esferizantes que conseguen integrarse, felizmente e contra todo prognóstico, cun desnudo basamento paleo-ribeirao executado con aparente descoido pero de portentosa solidez. Que máis se pode pedir? Efectivamente, pódese pedir máis, por exemplo un marabilloso teito de bidóns esmagados que nos trae reminiscencias de humildes países torrados polo sol ata lograr integralos no entorno máis norteño e húmido da Península Ibérica. Una vez máis, Salustiano vai a por todas... e trunfa.

No HOMELESS RIDOMIL non se aprezan concesións. Crueza, ascetismo, adaptabilidade e desafío son os puntais deste valente deseño. Latexa neste artefacto unha idea constructiva fundacional, que non é outra ca dun simbólico grito de autoafirmación e de supervivencia ribeirás. Pensado para producir no usuario un rexeitamento case físico, logra acadar mediante a súa afiada proposta estética a categoría de alpendre básico de cuxa inspiración beben todos os demais. Non intenten instalalo se non viviron unha posguerra. E tampouco intenten entrar se non se vacinaron contra o tétanos...

Rematamos co atípico UNDER CLOROPHILE, que se ben no acada a brilante concepción doutros modelos máis destacados, logra conciliar exemplarmente as inquetudes naturistas cun ascetismo rural sen aspaventos. Non se deixen enganar pola explícita mistura de materiais impuros, pois foron seleccionados específicamente para acabar cedendo ao cálido abrazo vexetal dun entorno sempre disposto. A sensibilidade non evidente desde modelo gañará sen dúbida moitos adeptos entre viticultores de vocación intimista e de carácter retraído.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

···> Follar un pato: arte "con gusto".

(As Fontiñas - San Paio)

 

···> Cumprindo a normativa europea.

(A Quinza)

 

···> Estilo "casual"... por se "acasual".

(rúa Progreso)

 

·· MICRO_RIBEIRO

 

 

(En breve, apuntes gráficos do Ribeiro)